Uxío Novoneyra: Poeta / Alén

Uxío Novoneyra: Poeta / Alén, proxecto de longametraxe documental sobre o poeta courelán, ponse en marcha tras un longo proceso de preprodución. Dirixido por Federico García-Cabezón e Iván L. Gimeno sobre un guión seu para a produtora audiovisual GSEIS, o documental pretende amosar as múltiples facianas do vate da terra, máis alá de moitos tópicos que lastran a súa figura, clave para comprender a historia da Galicia contemporanea da que foi á vez testemuña e protagonista.
Uxío Novoneyra: Poeta / Alén explora a obra completa de Novoneyra, poesia total e de vangarda que excede con moito a identificación con “Os Eidos” e a súa calificación de poeta da terra. A variedade da súa proposta lírica, o seu interese noutras disciplinas artísticas (dende o cinema ao cante jondo), e tamén de xeito fundamental o seu compromiso vital e político con Galicia son a base do documental. Para levalo a cabo contarase cunha serie de entrevistas realizadas a personaxes próximos ao decidor, figuras senlleiras da nosa cultura que o trataron de xeito íntimo ou son estudosos profundos das súas letras. Xunto ás súas declaracións engadiranse unha escolma dos seus poemas reinterpretados noutras disciplinas artísticas (música, danza, pintura, etc…). Material de arquivo audiovisual e inédito do poeta, aportado pola súa propia familia en colaboración co proxecto e imaxes ilustrativas dalgúns dos feitos clave na vida e obra de Novoneyra (Madrid, Vietnam, enterro de Castelao, etc…) completan a proposta. A banda sonora orixinal é aportada polo músico Xoel López, tamén coñecido polo seu anterior proxecto Deluxe, que debuta coma compositor de scores.
En paralelo ao desenvolvemento da produción, Uxío Novoneyra: Poeta / Alén estase a presentar a diversas institucións tales como Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega ou Pen Club de Galicia entre outros, a fin de acadar o seu apoio e colaboración nesta iniciativa.